lunes, 24 de julio de 2017

O tren detívose. Pero que vou falar eu de trens se nunca me subin nun, nin me apeei dun, nin se quera tiven un cerca.
Do que sí podo falar é de cousas que se deteñen.
Detéñense moitas respiracións a diario, por mor de enfermidades, asasinatos, designios da natureza nai.
Detense a mirada nun punto fixo cando algo nos chama a atención e parece que ese recuncho de universo se detén con nós, pero non é así, segue vivindo en movemento mentres o noso corpo se paraliza coma se foramos papóns.
Detense o can se lle dis que pare.
Detense o tempo, ou disque en modo de ilusión óptica auditiva táctil e de todo. Porque o tempo non son ríos que flúen, nin camiños que han de ser andados, nin reloxos derretidos (nin trens que se deteñen).
O tempo non flúe, nin anda nin para. Pero nós empeñamonos en dicir que sí para non tirarnos con histeria dos pelos mentres nos decatamos de que pasa sen ningún remedio nin control. E comezamos a divagar acerca do polvo cósmico e o efémero da carne. Mentres el/ela/iso segue á súa bola.
Algúns din que non existe, eu digo que fai o que lle peta.
Fai o que lle peta con nós, o ciclo non é exacto, o ciclo non é absoluto.
Mais aínda así caín na vella trampa de especular sobre o tempo.
Cando este decide enganarnos, coma se quedaramos atrapados nun momento presente cando se difuminan os obxetos e as persoas e ao fondo se ve todo branco coma espuma, vaino lograr.
Fainos crer na trascendencia, na conexión, afoga o noso ser en ilusión,anega os ollos de bágoas que non caen porque todo está detido...
Pero meu... Iso non é o tempo é o teu cerebro facendo clic, gravando na retina as pupilas alleas. Eses buracos negros que engolen os tic tacs, e danlle un paseo á consciencia nun rapidísimo bólido que parece que voa.
Ao final tanto frenesí ten que frear. O bólido estrélase, as pupilas volven ao seu hábitat natural de ollar cara os pés, a espuma vaise polo desagüe e volvemos a camiñar polas cordas frouxas do tempo pensando que ese esvarón, ese fallo técnico nos conducía cara o ceo, cara o cumio do posible...

O tren xa se detivo fai un bo cacho.

No hay comentarios:

Publicar un comentario